Saturday 04 de May de 2024

Profesionais da apicultura formáronse nos cursos da Xunta sobre reprodución do apiario no CFEA de Sergude


― Organizados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), os cursos enfocáronse principalmente na reprodución e multiplicación do apiario, prestando atención especialmente este último á cría de raíñas

― A programación de ambos os dous cursos baseouse na combinación dunha parte teórica, que se centrou nos conceptos básicos dos procesos de reprodución, e dunha parte práctica, na que se aplicaron os coñecementos previamente adquiridos

A Consellería do Medio Rural vén de organizar dous cursos enfocados a continuar coa profesionalización do sector apícola. Así, as accións formativas, organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e levadas a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, enfocáronse principalmente na reprodución e multiplicación do apiario, prestando atención especialmente este último á cría de raíñas.

O obxectivo destas accións formativas foi facilitar aos apicultores iniciados o coñecemento de mecanismos de reprodución das súas colmeas e dotalos dos recursos técnicos suficientes para aumentar os seus apiarios e conseguir unha mellora tanto nas colleitas como na rendibilidade das súas explotacións.

A programación de ambos os dous cursos baseouse na combinación dunha parte teórica, que se centrou nos conceptos básicos dos procesos de reprodución, e dunha parte práctica, na que se aplicaron os coñecementos previamente adquiridos. Métodos clásicos de cría de nais, fecundación e importancia dos machos, orfandade das colmeas, creación de núcleos ou recollida de raíñas son algúns dos conceptos principais sobre os que se traballou nos distintos cursos.

A través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, Agacal pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector apícola neste caso e do sector agrícola e forestal en xeral tanto a nivel técnico como económico. Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.